Monday 29 de April de 2024

O Concello de Ribeira mantén unha reunión coa veciñanza de Oleiros


O goberno municipal de Ribeira mantivo unha reunión coa veciñanza de Oleiros co propósito de informar das actuacións que o concello está a levar a cabo na parroquia e para recoller todas as inquedanzas que ten a veciñanza en diferentes eidos.

O goberno municipal informou de que están próximas ao seu remate as obras de saneamento
no lugar de Canabeiro, así como a mellora de accesibilidade e beirarrúas en Gándara. O equipo de goberno tamén abordou algunhas actuacións proxectadas para os vindeirosmeses na parroquia; como a instalación da rede de saneamento en Lixó, financiada co fondo de compensación ambiental, a pavimentación do camiño dos Muiños; financiada con fondos da Deputación da Coruña, e a construción dos novos vestiarios e cantina no campo de fútbol de Oleiros.
“É necesario seguir ampliando a rede de servizos esenciais cos que conta a parroquia.” afirmou o alcalde Luís Pérez. “Abordamos o compromiso que adquirimos coa veciñanza de seguir incrementando a rede de saneamento e auga potable; así como a mellora da pavimentación das estradas na parroquia”.

A veciñanza trasladou ao equipo de goberno a necesidade de acometer varias actuacións,
como a mellora da sinalización e o mantemento do río Artes, ou a mellora do parque infantil dos Muíños. No encontro tamén se abordou a necesidade de mellorar o aparcadoiro do Hospital do Barbanza; e nese sentido, o goberno local comprometeuse a trasladarlla ás administracións competentes na materia para que poidan chegar a un acordo coa comunidade de montes e habilitar estacionamentos gratuítos e ben asfaltados para esa infraestrutura básica emprazada na parroquia de Oleiros.”
“Outro dos temas abordados na reunión foi a implementación de melloras na accesibilidade e a seguranza viaria coa dotación de beirarrúas, o calmado de tráfico, ou a pavimentaciónde diversas rúas na parroquia que precisan un mantemento axeitado despois de anos sen ningún tipo de actuación” concluíu o rexedor Pérez Barral.